FRANCISCO OTERO ESPINAR
Investigación

Catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica
Breve currículum vitae
Francisco Otero Espinar é Catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela, cunha traxectoria académica e investigadora iniciada en 1987 e caracterizada pola integración entre investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e transferencia ao sector produtivo.
Doutorouse pola USC en 1990 con Premio Extraordinario e realizou unha estancia posdoutoral na Universidade de Paris-Sud, actualmente Universidade de Paris-Saclay, que contribuíu á súa consolidación científica.
Conta con cinco sexenios de investigación e un sexenio de transferencia, froito dunha produción científica superior aos 180 traballos de investigación publicados en revistas de alto impacto. Desenvolve unha intensa actividade editorial internacional, sendo editor asociado do Journal of Drug Delivery Science and Technology e editor xefe da sección Drug Delivery and Controlled Release da revista Pharmaceutics, ademais de formar parte dos comités editoriais de revistas indexadas no JCR como Drugs in R&D, Scientia Pharmaceutica, Future Pharmacology e Frontiers in Drug Delivery.
Ao longo da súa carreira dirixiu 28 teses de doutoramento, reflectindo un firme compromiso coa formación de persoal investigador e coa creación de escola científica no ámbito da tecnoloxía farmacéutica. A súa actividade investigadora estivo sempre orientada á innovación aplicada, o que se traduce nunha ampla experiencia en proxectos de transferencia con empresas farmacéuticas de referencia, entre elas FAES FARMA, Reig Jofre, Boehringer Mannheim, Ferrer, Labiana ou Almirall.
É titular dunha decena de patentes concedidas, algunhas delas actualmente en explotación. Destaca especialmente o desenvolvemento da tecnoloxía CicloTech®, licenciada á empresa Reig Jofre, así como a súa participación no desenvolvemento de medicamentos oftálmicos comercializados a nivel internacional. Esta traxectoria foi recoñecida co Premio Fernando Calvet Prat 2020 á transferencia de tecnoloxía.
No ámbito da xestión universitaria exerceu como decano da Facultade de Farmacia; director do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e posteriormente do de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica; e secretario e presidente da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica (SEFIG). É membro da comisión 6 de acreditación da ANECA e participou activamente nos órganos de goberno da USC, incluíndo o Claustro (dende o 2010 ata a actualidade) e o Consello de Goberno (en representación dos decanos de Ciencias da Saúde), formando tamén parte de diversas comisións (Asuntos Económicos, 2010-2014; Comisión de Investigación, 2014- 2018; Comisión Electoral Central, 2018-actualidade)


