Carme lópez calderón
Cultura e Estudantes

Breve currículum vitae
Carme López Calderón (Santiago de Compostela, 1985) é Profesora Titular no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do Instituto de Humanidades (iHUS).
Licenciada en Historia da Arte pola USC, obtivo o Primeiro Premio Nacional e o Premio Extraordinario de Licenciatura. Doutorouse pola mesma universidade en 2014 con Mención Europea, grazas a unha bolsa FPU, realizando estadías de investigación en Porto e Florencia. Entre 2015 e 2020 foi investigadora posdoutoral ao abeiro do Plan I2C da Xunta de Galicia, desenvolvendo parte da súa actividade no CEPESE de Porto, o Museo Plantin-Moretus de Amberes e a Universidade de Glasgow, onde tamén foi beneficiaria da Stirling Maxwell Fellowship. Nos dous últimos anos dese contrato exerceu como investigadora principal do proxecto que deu lugar á creación de Galicones, base de datos dixital pioneira en España no uso do sistema Iconclass. Tras catro anos como Profesora Axudante Doutora, accedeu á praza de Profesora Titular a finais de 2024. Na actualidade desenvolve o proxecto ARSTimuli, financiado na convocatoria de Consolidación Investigadora.
A súa investigación céntrase na iconografía da Idade Moderna, con especial atención á emblemática, ao impacto das fontes gravadas e á cultura visual do barroco iberoamericano, incorporando nos últimos anos metodoloxías propias das Humanidades Dixitais. Participou en once proxectos competitivos e presentou resultados en máis de cincuenta congresos, seminarios e xornadas, na metade dos casos como relatora convidada. Codirixiu oito encontros científicos e é autora dunha trintena de publicacións individuais, incluíndo as monografías Applied Emblems in the Cathedral of Lugo (Brill, 2021) e Grabados de Augsburgo para un ciclo emblemático portugués (Universitat de València, 2016, galardoado co Premio delle Accademie Pontificie in Mariologia). Conta con dous sexenios de investigación concedidos.
No ámbito docente impartiu docencia en licenciatura, grao e mestrado na USC, dirixindo dúas teses doutorais —con outras dúas en curso—, sete TFM e quince TFG. É coordinadora do Grupo de Innovación Docente Triade. Entre 2020 e 2024 exerceu como secretaria da Facultade de Xeografía e Historia e presidiu a Comisión de Actividades Culturais, Igualdade, Normalización Lingüística e Participación Estudiantil deste centro.


