CARLOS MONTES PIÑEIRO
Titulacións

Profesor Contratado Doutor
Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía
Breve currículum vitae
Carlos Montes Piñeiro (Lugo, 1981) é Profesor Contratado Doutor no Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Licenciado con Grao en Psicoloxía (2004, 2007) e Diplomado en Relacións Laborais (2007) pola USC, doutorouse en Psicoloxía Social e Básica (USC) en 2014 cunha tese sobre a avaliación preditiva da eficacia na negociación.
Tras un breve período como bolseiro na área de Metodoloxía de Ciencias do Comportamento (2008-2009), compatibilizou a consultoría estratéxica de RRHH coa docencia na Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo, onde coordinou o deseño e implantación do modelo de teleformación do centro.
Desde o 2018 imparte docencia no Grao en Psicoloxía e desde o 2019 no Máster Universitario en Psicoloxía. Máis recentemente, incorporouse ao equipo docente da ETSE nos Másteres Universitarios en Enxeñería Ambiental (2022) e Enxeñería Química e Bioprocesos (2024), ambos con mención de excelencia da Xunta de Galicia.
A súa traxectoria docente caracterízase pola introdución de metodoloxías activas no proceso de ensinanza-aprendizaxe. A través do Grupo de Innovación Docente en Psicoloxía Social da USC, lidera proxectos competitivos centrados, entre outros, no desenvolvemento de Recursos Educativos Abertos ou na avaliación de competencias. Neste sentido, é ademais Supervisor EuroPsy de práctica profesional, acreditado pola Federación Europea de Asociacións de Psicólogos (EFPA).
Na investigación centra o seu traballo nas dimensións psicolóxicas, sociais e organizativas da prevención dos riscos laborais, con especial atención aos riscos emerxentes. Como Director Científico do Laboratorio de Riscos Psicosociais do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), traduce os achados de investigación en ferramentas prácticas, guías técnicas e políticas públicas orientadas a mellorar a saúde e o benestar no ámbito laboral.
No eido da xestión académica, desenvolveu responsabilidade en todos os niveis formativos, de grao a doutoramento, así como a Coordinación da Área de Psicoloxía Social e a Secretaría do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía entre 2020 e 2024.
É membro activo das principais sociedades científicas e profesionais do seu ámbito, presidindo a Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (SGPRL) e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL); tamén forma parte da directiva da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo (SEMST) e da División de Psicoloxía do Traballo, das Organizacións e dos Recursos Humanos do Consejo General de la Psicología de España (COP).
Comprometido coa divulgación científica, colabora regularmente con medios de comunicación e iniciativas públicas para achegar á sociedade os coñecementos e ferramentas derivados da Psicoloxía do Traballo.


